Concha da Reina é historia viva de Vilalba, malia que formase sempre parte dese grupo de persoas que, aínda prestando servizos imprescindíbeis á comunidade, pasan habitualmente desapercibidas, que nunca son citadas nos pregóns nin teñen tido recoñecemento oficial algún. Viviu na rúa do Sol, na rúa do Muiño e rematou os seus días na casa do seu fillo Pepe na rúa da Ferraría.
Primeira comadroa titulada da capital chairega, título expedido o 14 de decembro de 1925 polo Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes e asinado por Alfonso XIII, foi unha muller de mérito para a época. En 1929 constitúe, xunto con outras cinco comadroas e nove practicantes, o Colegio de Practicantes y Comadronas de Lugo. Popularmente recoñecida e apreciada, axudou a nacer a infinidade de crianzas, converténdose no verdadeiro anxo protector das mulleres da contorna. Infelizmente esquecida para as institucións e gobernantes municipais ao longo do tempo, o seu labor profesional e humanitario foron finalmente recoñecidos de maneira oficial o 20 de agosto de 2022, nunha xusta homenaxe demandada pola cidadanía, coa colocación dunha escultura obra do canteiro Xosé Gómez de Bernardo, Peponcanteiro, que leva gravado un fermoso poema de Luz Airado Bello.
No acto interviñeron Olegario Álvarez Braña, fillo da homenaxeada; Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba; Isidoro Rodríguez, presidente da Academia de Enfermería de Galicia; Beni Martínez, comadroa en Vilalba; Esther, neta de Concha; e o escultor e autor da obra Xosé Gómez de Bernardo, Peponcanteiro.
Leu o poema da escultura a súa autora Luz Airado e puxo a nota musical Teo, bisneto de Concha..
Finalmente o público asistente participou activamente na obra picando unha parte da escultura que o escultor deixara inacabada para tal fin.